1.-
QUE É O SAMAÍN?
O
Samaín é unha festividade pagá de orixe celta que dominou Europa
ata a conversión ao cristianismo, e que se celebra a noite do 31 de
outubro ao 1 de Novembro.
O
Samaín celebraba a fin da época das colleitas e marcaba o inicio do
Ano Novo. Nesa data supúñase que o veo que separaba o mundo dos
vivos do mundo dos mortos estaba tan difuso que os mortos
introducíanse no mundo dos vivos.
2.-
O SAMAÍN EN GALIZA
O
Samaín deixou de celebrarse en Galiza nos anos 60 do s. XX dende
cando esmoreceu practicamente e iniciouse nos anos 90 a súa
recuperación, grazas ao labor investigador do mestre Rafael López
Loureiro. López Loureiro era mestre en Cedeira e de aí que esta
fora a primeira vila na que se empezara a celebrar de
novo
esta festa.
3.-
COMO ENTENDÍAN O MUNDO XS CELTAS?
Para
os celtas o mundo iniciábase co Samaín (outubro-novembro) que
marcaba a fin da época das colleitas e o inicio do Ano Novo e, polo
tanto da Época Escura. Nesa data remataba o Ano Vello, que se
iniciaba en Beltaine, que daba comezo á Época da Luz (abril-maio).
Para
os celtas os puntos de “Dar a Volta” tiñan un carácter máxico
(o encontro entre a mar e a beiramar, o tempo entre un día e
outro,...), pero o máis potente de todos era o cambio de ano. Nese
momento, no Samaín, o veo que separaba o mundo dos vivos e o mundo
dos mortos era tan fino que calquera deses dous grupos podía
introducirse no mundo do outro: os mortos entraban no mundo dos vivos
e os vivos podían caer no mundo dos mortos.
4.-
CAL É A ORIXE DOS COLONDROS?
Na
cultura celta conservábanse as cabezas dos propios mortos e dos
inimigos e durante a noite do Samaín, iluminábanse (ben
amontoándoas ao redor dunha fogueira, ben colocándolle fachos ao
redor) e incluso pintábanas. Esta tradición ten orixe na idea de
que dese xeito rendíase homenaxe aos mortos e, polo tanto, evitábase
que tomaran represalias contra os vivos. Ademais hai quen indica que
o feito de quedar coa testa do inimigo tamén se baseaba en que así
se recibía a súa enerxía. Así, co paso do tempo as caveiras foron
substituídas, primeiramente, por nabos tallados e despois por
cabazas tamén ornamentadas.
Os
nomes destas caveiras varían segundo a zona: calacús
polas Rías Baixas, caveiras
de melón en Cedeira, calabazotes
en Ortigueira, colondros
en Ourense...etc.
5.-
A RELACIÓN COS MILLADOIROS?
Partindo
dese amontoamento de caveiras hai quen sinala que está a orixe dos
milladoiros. Igual que en Samaín facíanse amontoamentos de
caveiras, nas encrucilladas de camiños acugulábanse pequenos
montóns de pedras aos que había o costume de engadir unha nova
pedra ao pasar e pedir un desexo. O milladoiro máis famoso de Galiza
é quizais o que se atopa preto de Santiago que posúe unha grande
cruz de ferro. O feito de depositar unha pedra alí é signo de que
non terás mala fortuna durante o que queda de viaxe, por iso os
peregrinos soen levar unha pedra desde o seu lugar de orixe, ou ben a
collen antes de chegar ao milladoiro.
6.-
POR QUE COINCIDE CO DÍA DE TÓDOLOS SANTOS?
A
festa en honor a Todos os Santos inicialmente celebrábase o 13 de
Maio, que era o día da “Dedicación” da Capela de Todos os
Santos da Basílica de San Pedro en Roma, pero o Papa Gregorio II
(741) cambiouna ao 1 de Novembro, nun intento de cristianizar a festa
pagá do Samaín que era moito máis factible, práctico e menos
agresivo que intentar erradicar os costumes e tradicións do pobo.
7.-
A RELACIÓN CO MAGOSTO!
Coa
conquista do territorio por parte dos romanos, a noite do 31 de
outubro foi substituída, pouco a pouco, pola festa de culto a
Pomona, a deusa romana da colleita. A festividade consistía en dar
as grazas polos alimentos recollidos da colleita que garantirían o
alimento durante o ano. De aí deriváronse diferentes tradicións
relacionadas coa colleita e os froitos do campo. Entre estas algunhas
teorías indican que está o magosto galego, que consiste en comer o
froito da terra como é a castaña tras un previo paso desta polo
lume (que lembremos, ten unha consideración máxica, na cultura
celta).
Curiosidade:
Hai quen sostén que a orixe de tiznar a cara no magosto é unha
tradición de orixe céltica-romana pois ese día, no Samaín, a
poboación facía por confundirse cos mortos polo que se cubrían de
follas e vexetación varia, así como se tiznaban a face.
8.-
A ORIXE DO TERMO MAGOSTO
Hai
quen a fai vir do latín *magnus (grande)
*ustus (fogueira), “gran
fogueira”; dentro dos cultos ígneos que, como a noite de San Xoán,
marcaban o paso das estacións.
Outros,
de *magus (mago, máxico) e *ustus (fogueira),
“fogueira máxica”.
Outros
do celta *mag (campo) e a latina *ustus (fogueira),
“fogueira do campo”.
Outros
indican que viría do proto-celta *Magon- (grande) e *glustu- (luz),
“gran luz”; ou *Magon- (grande) e *ouxto- (frío), “grande
frío”.
9.-
A ORIXE DA FESTA
Hai
coincidencia en considerar os magostos como unha festa de orixe pagá,
relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos
ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como
aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo
cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a San Martiño de
Tours. Da cristianización desta festa nace a idea de que cada
castaña comida era unha alma que se sacaba do purgatorio, e para que
estas ánimas puidesen comer algo, sempre se deixaba algunha castaña
entre as brasas.
10.-
A RELACIÓN ENTRE O MAGOSTO E O LUME.
Existe
constancia dalgunhas prácticas supersticiosas relacionadas coa
crenza de que o lume ten vida propia e un certo carácter sagrado:
nunca se debía cuspir sobre o lume, nin botar nel restos de comida
ou calquera outra cousa. Non se debía matar o lume senón que
cumpría deixar que as brasas se apagasen soas, pouco e pouco: críase
que as ánimas viñan quentarse á noite no rescaldo.
As
castañas do Magosto asábanse co Primeiro Lume que era o primeiro
que se acendía coa entrada do Samaín e, segundo os celtas crían,
de onde partían todo o resto dos lumes. Dese contacto co lume é de
onde crían que arrincaba o poder máxico desas primeiras castañas e
da celebración do Magosto. Esta festa que partía da celebración do
Samaín era tan importante que se pensaba que quen non asistía
perdía completamente a cordura.
11.-
CANDO SE CELEBRA O MAGOSTO
O
magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, se ben en
Ourense, por maduraren máis tarde as castañas e por cristianizarse
a festa, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade
celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de
outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono
por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e
outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con
estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.
12.-
A RELACIÓN CO SAN MARTIÑO
A
cultura celta tiña no Samaín unha data clave, non só no máxico
senón no mundo real. Nesta data facíanse unha serie de sacrificios
que axudaban a amosar o respecto que merecían as deidades para gañar
o seu favor e poder obter, ao ano seguinte, os alimentos suficientes.
Porén esta tradición ten a súa orixe en que era o tempo óptimo
para sacrificar aos animais para afrontar o duro inverno. O San
Martiño, como festividade concreta, aparece coa chegada da tradición
cristiá e celébrase concretamente o 11 de Novembro que é cando se
realiza a matanza do porco, despois do chamado Veraniño de San
Martiño co que se marca o inicio do frío inverno. A tradición
cristiá conta que eses días nos que soben as temperaturas antes de
entrar no inverno, débese a que Xesús así o fixo en agradecemento
a San Martiño de Tours que, cando se atopaba na entrada de Amiens,
cortou a súa capa para lla dar a un pobre que resultou ser Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario