O xoves 10 de maio tivo lugar o último encontro do Club de Lectura, na súa versión destinada a profes e profas. O peche non podía ser mellor, xa que veu da man, ou da chave, de Antón Riveiro Coello e da súa Laura no deserto, novela que en menos dun ano de vida xa conseguiu o Premio da Crítica Española e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. No noso modesto club Laura tamén triunfou, tanto pola lectura proveitosa como polo simbolismo reconfortante da súa orixe. En varias entrevistas o autor explica como a obra xurdiu a raíz dun encontro literario; non dun club de lectura como o noso, senón dun obradoiro literario con rapaces. No transcurso do mesmo saíu a noticia da aparición nun hospital de Miami dunha galega con amnesia. O único que lembraba eran as cancións galegas dos Tamara. O dato serviu para descubrir que se trataba de Sofía Romo e que, casualmente, era irmá dun dos compoñentes da banda. Partindo desta noticia marabillosa e mesturándoa coa biografía da republicana galega Mercedes Núñez que o escritor estaba a ler, propuxo aos asistentes do obradoiro facer un relato.
Pero o conto non parou aquí. Ademais do texto colectivo, Riveiro Coello adicou sete anos da súa vida a ensarillar os fíos argumentativos que atan a trama da novela. As dúas mulleres reais dan forma á protagonista e ao motivo fundamental sobre o que gravita todo o texto: a memoria. Ou fiando máis fino; a memoria persoal e a memoria colectiva. Por unha banda reivindícanse as lembranzas, sobre todo as ligadas aos vencellos familiares, como sostén da saúde emotiva. Por outra, reivindícase a memoria vencellada ao pasado histórico, concretamente ao dun século XX marcado a lume pola violencia inherente aos fascismos.
A memoria, así, constrúese con retallos das lembranzas dos outros, coas voces dos outros, coa presenza e os feitos dos outros. É por iso que esta novela recolle a perspectiva de moitos personaxes que comparten dor e vivencias con Laura. É por iso tamén que os integrantes do club logramos empatizar cun relato que necesariamente é de todos e que, por desgraza, tamén pode ser presente polo empeño macabro dalgúns desmemoriados, como ben se puido ver nalgunhas imaxes estarrecedoras do pulo do fascismo en Grecia.
Máis nós non esqueceremos. Aquí, canda Laura, deixamos o noso recordo e a nosa lectura marcada pola pegada de Elvira co seu agasallo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario