20/04/12

OBRADOIRO DE CURTAMETRAXES CON RUBÉN RIÓS

A VISITA DE RUBÉN RIÓS AO IES GARCÍA BARBÓN


O pasado 6 de marzo veunos facer unha visita ao IES García Barbón o actor, director e guionista Rubén Riós. Cando nos deron a noticia quedamos bastante abraiados, xa que non pensaramos estar tan preto de tal persoa.


Rubén como o seu nome artístico indica, pertence a un pequeno Concello da provincia de Ourense, chamado Riós.

Coa charla que nos veu dar, demostrounos que é un rapaz loitador que está chegando moi lonxe co seu esforzo. Contounos algunhas cousas que xa sabiamos, como que é protagonista da serie galega Libro de familia, na que comezou a súa carreira artística. Tamén nos contou que participara en sete capítulos da serie Matalobos e que grazas a ela foi máis coñecido fóra de Galiza. Participou, tamén, en dúas películas Pradolongo, a cal tivo moita sona, e Vilamor que está triunfando nas salas de cine galegas. Sen dúbida, iremos vela!

Despois, púxonos dúas curtametraxes feitas por el: Adeus Edrada? e Coser e Cantar. Na primeira aparece a lenda da Santa Compaña e tamén se reflicte a problemática social do maltrato. Logo de pór esta curta contounos unha pequena anécdota de algo que lle pasara en Nova Iork, relacionada con esta. En Coser e Cantar aparece unha persoa moi importante para nós os verinenses: a raíña do Entroido, Elena. Contan que cando era cativa non lle foi moi fácil a vida e que o pasou bastante mal por causa da súa nai, a cal era moi esixente con ela e a culpable de que non puidese "voar alto" como ela mesma dixo. Agora apreciamos o valor que para Elena ten ser a raíña do Entroido e o porqué.

Tras a curta, que tanto nos gustou a todos, puxo o making off desta. Aí puidemos comprobar o esforzo e dedicación que hai detrás dun traballo así e os gastos que ocasiona, a pesar de que non lle paguen aos "pequenos actores". Tamén vimos que logo de tanto traballo existe unha boa amizade entre todos e que ademais de traballar tamén o pasan moi ben rodando. Rinse moito, aínda que sexa das caídas alleas.

Todo rematou cuns agasallos que lle entregamos con moito cariño.

Como conclusión, podo dicir que quedei encatanda co traballo de Rubén Riós, que me pareceu unha persoa incrible e cos pés postos na terra, xa que a fama non se lle subiu á cabeza e é moi humilde. Mais o que quero destacar del e no que ademais coincido é nese sentirse orgulloso da nosa terra, dos nosos costumes, da nosa cultura e da nosa lingua e no seu labor de amosar esta riqueza ao mundo cos seus traballos .

Deunos ademais un bo consello que sempre lembrarei: que loitemos polo que queremos e que fagamos o que realmente nos gusta como el o fixo, que non nos guiemos polos gustos dos nosos pais para o noso futuro laboral.

Podería dicir que Rubén Riós é un bo exemplo a seguir .


Yolanda González José 1º BACH B


Se picades nesta ligazón habedes ver o fermosa que foi a xornada:


1 comentario: