08/03/10

CANTALINGUA

¿Qué é o Cantalingua?

O Cantalingua é un concurso musical ideado polas entidades organizadoras do Correlingua: a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net.

¿Quen se pode presentar?

Pois todos os grupos ou solistas de calquer estilo musical que manden unha canción en galego.

¿Que hai que facer?

Moi sinxelo, só tedes que enviarnos unha canción en formato MP3 [obviamente en galego] baixo licencia Creative Commons e un correo electrónico ou teléfono de contacto a correlingua@correlingua.org Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . As cancións serán colgadas nas páxinas Correlingua.org e Komunikando.net para que poidan ser desfrutadas por todo o mundo.

Ademais do tema en formato mp3, mándanos a foto da banda e un breve texto de presentación.

Os temas deberán ser orixinais, quedando excluídas as versións. A temática das letras será completamente libre, pero ollo! non poderán ter contidos obscenos nin discriminatorios. Recordade que o Correlingua está dirixido a rapazas e rapaces menores de idade. Un pouco de sentidiño… ;)
Importante: o prazo para enviar os temas remata o 10 de abril de 2010.

Os gañadores

Os grupos ou solistas gañadores serán elexidos baixo un sistema mixto de votación popular vía Internet, mais un xurado integrado por persoas vinculadas dunha ou outra maneira ao difícil mundo da música. Os nomes dos gañadores serán coñecidos ao redor do día 15 de abril.

Pero… ¿hai premio ou non hai premio?

Por suposto que o hai! Como sabemos o difícil que é para os grupos galegos facer concertos, ese será o noso premio: 11 concertos para o Correlingua 2010, que se repartirán os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso.
Ditas actuacións terán lugar entre os días 3 e 14 de maio de 2010, e contarán cunha remuneración económica de 700 euros por actuación.

  • O primeiro clasificado tocará 5 concertos
  • O segundo clasificado tocará 3 concertos
  • E o terceiro clasificado tocará 2 concertos

Todos os concertos serán pola mañá e terán unha duración aproximada de media hora e deberán ser integramente en galego. No caso de que algún dos gañadores non puidese participar nalgún dos concertos, a lista iría correndo ata completar todas as datas cos grupos que queden entre os 10 primeiros.

E lembrade…

Aínda que soe a tópico… no Cantalingua o importante é participar. O obxectivo non é acadar un premio, senón espallar a música das bandas galegas -a vosa música- entre o maior público posible. Por iso vos pedimos a todos os grupos amateurs e profesionáis, aos rapaces e rapazas, profesorado... ¡PARTICIPADE! Axudádenos a dar a coñecer a música en galego entre os máis novos. Todos sairemos gañando.


Ningún comentario:

Publicar un comentario